Tuesday 21 de May de 2024

O Concello de Boqueixón abre hoxe o prazo de inscrición para os cursos de natación infantil estivais


As persoas interesadas deberán formalizar as súas solicitudes antes do 25 de xuño

O Concello de Boqueixón vén de abrir o prazo de inscrición para os cursos de natación estivais. Este programa está dirixido a crianzas de entre 4 e 15 anos e levaranse a cabo en horario de mañá durante os meses de xullo e agosto nas instalacións das piscinas municipais.

As persoas interesadas en participar nestas actividades deberán formalizar a súa solicitude presentando a correspondente ficha de inscrición (dispoñible a través da páxina web municipal) e presentala por rexistro antes do 25 de xuño. Poderase facer por dúas vías: a través da sede electrónica do Concello de Boqueixón (https://sede.boqueixon.com/opencms/gl/) ou de xeito presencial (con cita previa). Dende o Departamento de Deportes lembran a importancia de especificar na ficha de inscrición o nivel de destreza do/a neno/a (iniciación ou perfeccionamento) para a posterior confección por grupos de aprendizaxe.

Os cursos dividiranse en grupos de acordo coa idade das crianzas participantes. Asemade, as clases desenvolveranse en días alternos (luns-mércores e martes-xoves). Os devanditos grupos serán os seguintes:

• Grupo I (crianzas de 12 a 15 anos): de 12.00 a 12.50 horas
• Grupo II (nenos/as de 8 a 11 anos): de 12.50 a 13.40 horas
• Grupo III (cativos/as de 4 a 7 anos): de 13.40 a 14.30 horas

Os grupos, horarios e número de participantes estableceranse de acordo coa prescrición das autoridades sanitarias en materia de prevención contra a expansión da COVID-19. No desenvolvemento das actividades terase, pois, sempre en conta a seguridade das crianzas asistentes.

O prezo dos cursos de natación infantil estivais é de 15 euros ao mes. Unha vez publicada na web a listaxe de nenos/as admitidos/as deberase abonar a contía mensual na conta ES68 2080 0320 2531 1000 0666. Deberase especificar no concepto Natación-Mes+Grupo/Día+nome do/a neno/a. O resgardo de pago deberase remitir ao Departamento de Deportes (deportes@boqueixon.com), sendo requisito imprescindible para poder iniciar a actividade. Unha vez efectuado o abono –en caso de querer darse de baixa-, non se reintegrará ningún importe sen causa debidamente xustificada.

Pódese solicitar máis información no Departamento de Deportes, no teléfono 636 731 721 ou no enderezo electrónico deportes@boqueixon.com.